Exposiciones: |
|
|
Hasta el 30/06/2013
|
Metáforas Visuais |
| Sala de exposicións Isaac Díaz Pardo. Facultade de Veterinaria. Lugo |
|
|
Blas Lourés |
| Exposición |
|
22/03/2012 - 17/06/2012
Museo Provincial. Lugo
|
 |
Presentamos unha mostra antolóxica e retrospectiva dun artista lucense que merece o recoñecemento a un traballo constante, en ocasións pioneiro, que elixiu ficar na súa cidade, desenvolvendo a súa vocación en Lugo sen renunciar a breves estadías externas ou ás etapas de primeira aprendizaxe en Madrid cunha bolsa da Deputación Provincial de Lugo. A gran capacidade creativa de Blas Lourés fai necesaria a revalorización da súa obra non só como un feito cultural individual, senón como parte da historia da arte lucense e galega. Esta merecida exposición monográfica é representativa de toda unha vida dedicada á arte. En consecuencia, é a mostra máis extensa e completa que se lle dedicou e pecha un ciclo de numerosas e continuas exposicións que comeza coa primeira colectiva na que participou en 1954 tras volver de Madrid, ou pola primeira individual que fixo en Lugo en 1960. Continúa nas décadas dos sesenta e setenta, especialmente prolíficas quizais pola intensa actividade artística coa agrupación “Os Urogallos” donde se integraba xunto cun grupo de amigos artistas, e sigue co resto da súa produción posterior ata hoxe. Blas Lourés naceu en 1926 e con dezasete anos comezou coa pintura. Esta gran secuencia temporal fai que a tarefa de realizarmos unha escolma da obra completa sexa un traballo complicado e difícil e un exercicio de memoria histórica. Aínda así, como obxectivo principal intentouse seleccionar dentro da súa inxente produción artística, todos os momentos do seu decurso vital para apreciar a súa evolución, madurez e consolidación. Por este motivo aparece representada dende a súa primeira obra pictórica até a última, -de momento-, realizada no ano 2011, xunto cunha mostra da obra gráfica, os debuxos e os esmaltes.
A preponderancia da figuración é unha constante en toda a súa obra, nesa liña da corrente neofigurativista do século pasado. Son os novos realismos que se mesturan coas influencias doutras vangardas da primeira metade do século XX, dando resultados moi interesantes e un gran eclecticismo formal. Porén, a linguaxe expresiva e o universo creativo de cada autor é único e persoal e transmítese a través de diferentes formatos e materias.
Coherencia, é unha palabra que define a produción pictórica de Blas. Os comezos realistas non impiden que experimente co cubismo, expresionismo e outras tendencias, porque cunha longa e fecunda traxectoria é inevitábel pasar por diferentes etapas estilísticas: a época vermella e a época azul, por exemplo. A pesar das formas xeometrizadas, símbolo de modernidade e vangarda, e os coqueteos coa abstracción, na súa obra prevalece sempre a figuración. Como el mesmo di: “a miña pintura, aínda que sempre é a mesma, tivo distintos camiños” e é “o retrato da miña vida”.
A cor é un dos fundamentos da súa arte, e con este recurso consegue as perspectivas, a forza e a rotundidade das representacións, incluso a preponderancia do seu uso determina etapas ou momentos creativos. Outra característica salientábel é a importancia que lle dá ao debuxo, que evoluciona cara á sinxeleza, cara ás liñas esenciais.
A iconografía é variada, pero ten unha constante sempre: a muller como icona e inspiración ao longo do tempo, entendida dese xeito, ao igual que Colmeiro, como unha representación xeral do eterno feminino. Predominan as escenas con temas populares na liña de Cezanne, Millet ou van Gogh. En xeral, todos os xéneros (retrato, paisaxe…) se tratan cunha profunda subxectividade explorando diversos enfoques.
Mención á parte merecen os gravados tan característicos deste artista que até hai pouco estampaba el mesmo directamente. A técnica preferida é o linoleogravado , aínda que tamén ten punta seca, augatintas, algunha xilografía, etc. O uso da cor, en base sobre todo a azuis e vermellos, é tamén significativo na obra gráfica xunto co dominio da liña, ambos os dous recursos son moi representativos da linguaxe expresiva de Blas Lourés.
Aurelia Balseiro Comisaria e directora do MPLugo
más información
|
|
|
|
|
|
|